O noso manifesto

Entidades adheridas á plataforma

dimecres, 17 de juny del 2009

Comunicado do equipo docente de Filoloxía Galega da Universitat de Barcelona e da Universitat Autònoma de Barcelona

Comunicado enviado o 17 de xuño de 2009 ao Presidente da Xunta (con copia ao Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria):

O equipo docente de Filoloxía Galega da Universitat de Barcelona e da Universitat Autònoma de Barcelona quérelle manifestar a súa fonda preocupación pola situación da lingua galega ante as medidas adoptadas ou anunciadas pola Xunta de Galicia. Estas medidas na nosa opinión só poden favorecer a desprotección da lingua en ámbitos sociais como o ensino non universitario e a función pública, onde é unha obriga legal a súa promoción por parte do goberno autonómico.

Sumámonos aos argumentos manifestados polos Departamentos de Filoloxía Galega das tres universidades de Galicia nesta cuestión e, dende a nosa posición como profesionais fóra de Galicia, gustaríanos achegar algunhas consideracións para a reflexión.

Coidamos que a imaxe que Galicia quere proxectar de si mesma cara ao exterior é fundamental, non só para a axeitada difusión da nosa cultura, senón tamén para a promoción económica e social dunha imaxe de marca que debe aspirar á solvencia e á calidade. Neste senso, a desvalorización do propio patrimonio que se pode percibir a través deste proceso que cuestiona desde dentro a importancia da nosa lingua, parécenos que só pode conducir ao descrédito para a imaxe xeral do país.

Nunha situación de desigualdade manifesta cara á lingua galega, para a súa preservación, é absolutamente necesario que haxa un trato compensatorio da lingua máis desfavorecida. Tratar de maneira idéntica situacións de desigualdade pode ter efectos contrarios á convivencia de lingua. Ningunha escolla lingüística é posible se non se ofrece máis de un elemento para realizala. Xa que logo, o falante de galego debe ter garantidos os seus dereitos.

Existe a falacia de que os pais deben escoller a lingua na que os seus fillos deben ser educados no ensino público, apoiándose nos dereitos individuais. Non se ten en conta que, como ben explica Isidor Marí: “cadaquén de nós só pode exercer os seus dereitos persoais se a colectividade na que vive lle proporciona a oportunidade de facelo. O noso dereito ao traballo depende da organización do mercado; o noso dereito á saúde do sistema sanitario; o noso dereito a escoller a lingua en que queremos ver unha película ou mercar un programa de ordenador non é máis que unha ficción se o marco xurídico non garante que haxa oferta na nosa lingua”. A persoa só pode exercer os seus dereitos no seo dunha sociedade.

Se a lexislación e as actuacións públicas dan un trato preferente ao galego sen dúbida hase conseguir unha sociedade de individuos plurilingües; en cambio se actúan perseguindo un bilingüismo equilibrado chegarán a reducila ao monolingüismo en castelán.

O equipo docente de Filoloxía Galega da Universitat de Barcelona e da Universitat Autònoma de Barcelona

Barcelona, 17 de xuño de 2009

5 comentaris:

  1. Parabéns! É un dos textos en defensa da lingua máis coherentes e sensatos que lin dende hai moito tempo

    ResponElimina
  2. Parabéns, aínda que creo que Frijolito, non vos vai faer ningún caso, xa que ten a decisión tomada por desgraza

    ResponElimina
  3. Gràcies per la vostra solidaritat, germans catalans!

    ResponElimina
  4. Temos moito que aprender da política lingüística catalana e do respecto que esa sociedade ten pola súa lingua.

    ResponElimina

Cercar en aquest blog

Arxiu del blog

Seguidors

Contador